A praza de Barcelos mellora as súas prestacións coa reforma peonil
A proposta dos escolares do colexio de Barcelos farase realidade nos próximos días co obxectivo de mellorar a seguridade dos estudantes e de contar coa céntrica praza como espazo para poder desenvolver as súas actividades de lecer, converténdoa nun auténtico patio de xogos.
O goberno local realizará unha reforma exprés durante esta Semana Santa, aproveitando as vacacións dos menores, creando un espazo peonil ante o centro escolar e en todo o perímetro da praza que limita co Convento de Santa Clara. A obra, cun custo de 60.000 euros, será executada pola empresa Covsa e está previsto que finalice o luns 28 de marzo, antes de que se reinicie a actividade escolar. Estes traballos centraranse na creación dunha plataforma única cun pavimento diferenciado. Diante do colexio instalaranse uns bolardos para evitar que os vehículos teñan acceso a ese espazo e garantir a seguridade dos escolares, para o que está previsto que o pavimento quede á mesma altura da beirarrúa ante o colexio. Estas propostas foron tratadas polo concelleiro de Obras, Luís Bará e por Carmen Fouces, concelleira de Educación con veciños, comerciantes da zona e pais e nais de alumnos do centro atendendo ás demandas propostas en varias reunións durante os últimos meses.
CAMBIOS NA CIRCULACIÓN
Estas obras suporán cambios na circulación. Restrinxirase o tráfico tanto na fachada principal do colexio como no lateral da praza que linda co peche do Convento de Santa Clara con excepción das entradas aos edificios lindeiros co colexio, ademais do servizo sanitario que se atopa nese inmoble.
O resto do perímetro da praza de Barcelos contará con dous carrís de circulación podendo acceder desde Benito Corbal ata a Rúa do Rouco ou ata San Antoniño onde se establece a dobre dirección para que os vehículos que procedan de Perfecto Feijoo poidan desprazarse ata a rúa do Rouco para saír por Cobián Roffignac.
ESTACIONAMENTOS
A peonalización parcial da praza tamén leva a creación de estacionamentos de servizos, coa posibilidade de aparcar durante un máximo de 15 minutos, coa instalación de espazos de aparcadoiro para motocicletas e para persoas con discapacidade.
Ata o momento, a praza de Barcelos contaba con 112 prazas de estacionamento libre e tres para persoas con mobilidade reducida, segundo os datos da Policía Local. Atendendo ao Plan de Mobilidade de Pontevedra, o 80% desas prazas están ocupadas por residentes que apenas rotan en horario laboral. Desta forma, o 24% dos coches permanecen inmóbiles durante toda a xornada nestes estacionamentos. O goberno local entende que fixando un total de catro rotacións diarias, estacionan ao redor de 340 coches ao día nesas 85 prazas con rotación.
Ante esta situación, o Concello quere reordenar os espazos eliminando 59 prazas para que 54 queden en réxime de servizos, desde as 8 ás 13.30 e desde as 16.30 ata as 21.00 horas. Desta forma, segundo os datos municipais, o número de rotacións de vehículos ao longo do día ascendería a 2.160, seis veces máis que o número de rotacións actual. O aparcadoiro será libre nesas prazas durante a noite, entre as 21.00 horas e as 08.00 da xornada seguinte.
Ao mesmo tempo, a reforma irá acompañada da aplicación da zona de servizos en Benito Corbal, no tramo entre a rúa Sagasta e a nova praza do Hospital. A mesma medida adaptarase na rúa Perfecto Feijóo.
As previsións do Concello tamén contemplan melloras en próximas datas no resto de rúas próximas e tamén no interior da praza de Barcelos, que se irán acometendo en diversas fases coa posibilidade de crear espazos para a práctica deportiva.
Relacionadas:
-
Normalidade na volta "semipeonil" ao cole en Barcelos
Por Carolina Buceta Resurrección | Creada e actualizada
-
Barcelos comeza a cambiar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A circulación cambia na praza de Barcelos a partir do martes de Semana Santa
Por Redacción |
-
As restricións de tráfico en Barcelos expóñense aos veciños
Por Redacción |
-
As obras de peonalización ante o Colexio Barcelos realizaranse durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
O Concello peonalizará unha parte da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |