Precipitacións para o inicio da Semana Santa
Por Redacción
A estabilidade, que ata o momento foi protagonistas das últimas datas, dará paso a un ceo marcado polas nubes e por altas probabilidades de chuvia. Segundo MeteoGalicia, as xornadas do venres 18 e o sábado 19 caracterizaranse por ceos anubrados con precipitacións intermitentes. Durante o Domingo de Ramos, coincidindo co inicio da Semana Santa, espérase un tempo inestable con chuvascos de carácter treboento.
En canto as temperaturas, mantéñense normais para a época do ano. As mínimas ascenderán moderadamente, mentres que as máximas continuarán estables. Para o domingo 20, espéranse temperaturas que oscilarán entre os nove e os 16 graos.
As precipitacións manteranse durante os primeiros días da vindeira semana, cun tempo variable nas Rías Baixas. Haberá altas probabilidades de xeadas polas noites, acompañadas por valores suaves nas horas centrais do día. Con todo, segundo a web oficial de meteoroloxía de Galicia, o tempo mellorará a partir do mércores 23, concedendo unha tregua ás cofradías pontevedresas.