Unha familia de Vilagarcía, protagonista dun programa da TV suíza
Por Alejandro Espiño
Un intercambio entre a Arousa galega e a Arosa suíza levou a que as Rías Baixas sexan protagonistas dun programa de televisión no país transalpino.
E todo grazas á parella composta por Manuel e Marga, veciños de Carril, que durante unha semana viviron no pobo de Arosa, unha localidade de 2.500 habitantes situada na zona de montaña dos Alpes. De alí era o matrimonio formado por Daniel e Maya, que rexentan un hotel na zona, e que se trasladaron a Vilagarcía en compañía da súa filla Jessica.
Todos eles formaron parte do programa Verkehrte Welt, que conta cunha elevada audiencia en Suíza e que relatou a experiencia dos arousáns no pobo alpino e as vivencias dos suízos na súa estancia nas Rías Baixas.
Este programa ten como obxectivo unir a pobos de calquera parte do mundo que compartan topónimo con algún de Suíza.
Así, os vilagarciáns gozaron da gastronomía e tradicións alpinas, botaron unha man no hotel familiar, practicaron esquí na estación de Arousa e fixeron unha ruta en trineo tirado por cans de competición.
Os suízos, pola súa banda, tiveron a oportunidade de coñecer a técnica do marisqueo nos parques de cultivo de Carril, degustaron o marisco da ría, navegaron no Drakar Viquingo, coñeceron o folclore galego e visitaron a illa de Cortegada.
Este programa, gravado en colaboración con Chantre Publicidad, xa foi emitido en Suíza e o Salón García acollerá unha proxección pública este mércores, a partir das nove da tarde. Ao rodarse o alemán, emitirase con subtítulos en español.