Arrestan un pontevedrés por desobedecer unha orde de afastamento e molestar á súa ex parella nunha discoteca
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do sábado 12 ao domingo 13 un pontevedrés de 46 anos como presunto autor dun delito de violencia machista por incumprir unha orde de afastamento que lle impedía achegarse á súa ex parella aproximándose a ela máis do permitido nunha discoteca.
Segundo informou a Policía Local, sobre as 1.40 horas da madrugada, a muller púxose en contacto cunha patrulla que estaba a realizar tarefas de prevención da seguridade cidadá pola rúa Daniel de la Sota e requiriu a súa intervención porque a súa ex parella estaba molestándoa.
A muller relatoulles que tiña en vigor unha orde de afastamento para protexela da súa antiga parella, pero el presentouse na discoteca e molestouna en varias ocasións a pesar de que ela lle requiriu que non o fixese. Indicoulles, así mesmo, que non era a primeira vez que tiña este tipo de comportamentos.
Os axentes accederon ao interior do establecemento e, ao comprobar que o home estaba alí, procederon á súa detención.
NÚMERO 016.- A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero presta o servizo telefónico de información e de asesoramento xurídico ás vítimas de violencia de xénero a través do número telefónico de marcación abreviada 016, que é gratuíto e non deixa rastro na factura. Ademais, as consultas pódense dirixir por correo electrónico ao servizo 016 online: 016-online@msssi.es.