Carmela Silva lamenta que o presidente da Xunta non se poña o fronte da loita contra a violencia machista
Por Redacción
O acto de "Mulleres polo cambio político" reclamou este domingo en Pontevedra que a metade da poboación do noso país ten que protagonizar este cambio político no Estado e en Galicia.
As concelleiras, Icía García de Meaño e Mar Barcón de A Coruña; a deputada ourensá María Quintas; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva foron a voz de máis de duascentas socialistas que reclamaron en Pontevedra unha maior presenza "acorde co que somos o 50% da poboación e polo tanto tíñamos que ser o cincuenta por cento dos cargos", como subliñou Carmela Silva.
O acto comezou coa intervención da concelleira de Meaño, Icía García, que recordou as dificultades das mulleres "e máis das xóvenes para actuar en política". "Aínda recordo os insultos que recibín cando decidín ser cabeza de lista polo Partido Socialista no meu pobo, polo feito de ser muller e ademais ser nova", destacou García.
A concelleira coruñesa Mar Barcón reclamou a visión das mulleres na acción política municipal e quixo ter un especial recordo para aquelas mulleres que atravesan toda Europa cos seus fillos o lombo buscando unha vida mellor.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que esta semana na que estamos a celebrar o 8 de marzo "estase a converter nun día da supervivencia da muller ante a violencia machista". A alcaldesa criticou tamén os recortes dos recursos económicos aos servizos sociais que ven facendo desde anos o goberno do Partido Popular "porque se as institucións recortan os servizos sociais somos as mulleres as que o vamos sufrir porque ao final somos nos as que cubrimos estes servizos sociais atendendo aos nenos e nenas e os nosos maiores", destacou Méndez.
María Quintas, deputada por Ourense, tamén incidiu en que a situación de crise as mulleres a están a padecer dobremente e "nos sete anos de goberno do Partido Popular na Xunta están a definir as súas políticas machistas e de recortes das políticas sociais".
Por último, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva criticou que hoxe en Pontevedra tamén estaba presente o presidente do goberno, Mariano Rajoy e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "aí o lado está a vergoña dun presidente que tiña que ter dimitido e outro presidente que nunca fala das mulleres".
"Un presidente da Xunta -continuou Silva- que sempre está calado cando nos matan. Un presidente que nunca se pon en pé cando unha muller é asasinada".
Carmela Silva incidiu que en Pontevedra hoxe hai dous tipos de actos. "Un no que abrimos as fiestras e as portas ao cambio político e no que reclamamos a presenza das mulleres e outro no que se pechan as fiestras as mulleres e a toda a cidadanía", subliñou a presidenta da Deputación.
Silva rematou a súa intervención pedíndolle a todas as mulleres que "non debemos sentir vergoña" por reclamar o noso espazo político "porque somos o cincuenta por cento da poboación e, polo tanto, o lóxico é que sexamos o cincuenta por cento dos cargos".