Comunidades de montes e colectivos ecoloxistas rexeitan a "forestación indiscriminada"
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Medio Rural está a rematar o proceso de revisión do Plano Forestal de Galicia. As propostas elaboradas polo grupo de traballo elaborado para tal fin serán presentadas no Consello Forestal dentro dun mes, e no prazo de seis meses enviadas ao Parlamento galego, para o seu debate e votación. Algunhas comunidades de montes e diversos colectivos ecoloxistas saíron ao paso rexeitando as propostas para o novo Plano Forestal de Galicia.
Segundo denunciaron este venres nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra o presidente da Organización de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Pereira, e o portavoz da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade, a política de monte dos gobernos do Partido Popular na Xunta, "foi e pretende seguir sendo totalmente forestalista".
Ao seu xuízo, esta política está baseada na "forestación indiscriminada", e non pretende aumentar o valor engadido dos produtos e das rendas intermedias que permitan a sustentabilidade do ciclo de produción da madeira. Ademais, critican que tampouco contemple os outros usos do monte e certifique a perda da paisaxe.
Xosé Pereira reiterou que as directrices aprobadas para a revisión do Plano Forestal ten "tres obxectivos claros" que son: "eliminar o carácter xermánico das titularidades veciñais e proceder á privatización da súa xestión", ademais de apostar pola produción de madeira con pouco valor engadido, a biomasa e os cultivos enerxéticos; e finalmente, prioriza a produción forestalista "favorecendo a degradación ambiental".
Neste sentido, apuntou Pereira que esta política configura un horizonte no que os incendios forestais "continuarán sendo uns dos problemas ambientais máis importantes de Galicia".
Pola súa banda, Benito Andrade afirmou que distintas organizacións que viven, xestionan ou traballan no medio rural "rexeitamos estas directrices e cominamos á Xunta á súa devolución".
Finalmente apuntan que o proceso de revisión do Plano Forestal debería basearse en grupos de traballo conformados por todas as entidades e organizacións relacionadas co monte e co medio rural, "para elaborar unhas propostas verdadeiramente acaídas aos intereses de Galicia e dá sociedade galega".