![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/29e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/56d8454e7c-56d84333cd-foto1.jpg)
© Asociación Mulleres Intercambio de Saber
A alameda de Marín, punto de intercambio de libros o 20 de marzo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O vindeiro 20 de marzo a alameda Rosalía de Castro de Marín converterase nunha homenaxe aos libros coa cuarta edición de 'Unha dorna de libros, un mar de ilusións', un conxunto de actividades arredor dos libros e da lectura organizadas pola asociación de Mulleres Intercambio do Saber.
A presidenta da asociación, Puerto Pérez, explicou que a actividade cambiará de espazo en caso de choiva e celebrarase no Multiusos de Marín. Durante todo o día realizarase un intercambio de libros usados que se poderán deixar na sede do BNG de Marín na Praza da Veiguiña os días 14, 15, 16 e 17 de marzo en horario de 16.00 a 19.30 horas. Cando os deixen, recibirán vales que poderán cambiar por libros o propio domingo.
A actividade incluirá un certame de microrrelatos que xa se convocou en anteriores edicións. Xa se poden enviar os traballos participantes, que deberán ter menos de 150 palabras e comezar con: "Estaba deitado(a) na praia...". Deberán enviarse antes do 15 de marzo ao enderezo electrónico intercambiandosaber@outlook.com. O xurado estará integrado polos profesores Xosé de la Torre Culler e Ana Acuña. As bases pódense consultar na páxina de facebook Intercambio do Saber. O certame ten catro categorías en función da idade.
A actividade está aberta aos colectivos culturais e sociais de Marín. Esta vez, á colaboración das ANPAS, os centros educativos e a Comparsa Os da Caña, sumaranse asociacións con fins solidarios como a asociación protectora de animais Adopta Marín, a Asociación Si hai saída de Lugo, Asociación de Enfermedades Neuromusculares (ASEM), Asociación contra o Cancro e a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra, ASEARPO, que aproveitarán a xornada para difundir a súa actividade e traballo desenvolvidos fundamentalmente por mulleres.