O fiscal Luís Uriarte, a xornalista Susana Luaña e a NCA británica, premios Nécora de Ouro 2016
Por Redacción
A Fundación Galega contra o Narcotráfico fará entrega este venres dos premios Nécora de Ouro 2016 durante a celebración da Gala Anual da entidade, que terá lugar o próximo día 4 de marzo a partir das 20,30 horas no Salón García de Vilagarcía de Arousa.
Os galardóns instituidos pola Fundación queren recoñecer e premiar o labor realizado por persoas e entidades especialmente significados na loita antidroga desde distintos ámbitos.
Premio Internacional para a NCA -National Crime Agency - británica en recoñecemento á "importancia estratéxica da súa colaboración coas forzas de seguridade de España, que permite a realización de importantes operativos contra o tráfico de drogas a nivel español e internacional".
"É unha honra recibir este premio. É un recoñecemento público á excelente cooperación entre a NCA e as autoridades españolas. Seguiremos traballando sen descanso para loitar contra os grupos de crime organizado implicados no narcotráfico e desmantelalos", manifestou respecto diso Keith Ditcham o director para Iberia da NCA, quen recollerá o premio o vindeiro venres en representación da axencia.
Premio Nacional ao Fiscal delegado Antidroga en Pontevedra Luís M. Uriarte Valente, "polo excelente traballo realizado en numerosas e importantes operacións contra o narcotráfico en Galicia, buscando estender a acción da acción da Xustiza para facilitar a incautación dos cuantiosos patrimonios que atesouran os narcotraficantes".
Premio á Asociación Ferrolá de Drogodependencias ASFEDRO, en recoñecemento á "excelente traxectoria dos seus voluntarios/as, directivos e profesionais, con trinta anos de traballo e axuda a drogodependentes e as súas familias en Ferrol e comarca, unha zona especialmente afectada por esta problemática".
Premio a Susana Luaña Louzao, xornalista do diario La Voz de Galicia, para distinguir "o seu traballo e compromiso de difusión pública de información sobre o tráfico de drogas, coa especial dificultade de traballar moi preto do problema e en lugares onde existen importantes organizacións dedicadas ao narcotráfico".
A título póstumo, a Fundación outorgará o premio José Manuel Siso Bartomé, recentemente falecido, para recoñecer o "excelente traballo e o compromiso de quen fose o seu expresidente e membro do padroado, impulsando importantes proxectos que contribuíron decisivamente á modernización da entidade".
A Gala será conducida polo presentador Manuel Torrente (Televisión de Galicia) e contarán coa actuación musical do Grupo Arousa Bay. Ao acto asistirán numerosas autoridades e responsables das forzas e corpos de seguridade do estado, así como representantes de todos os ámbitos da sociedade e a política galega.