Os traballadores sanitarios mobilízanse para esixir "emprego digno" no Sergas
Por Redacción
Os sindicatos Comisións Obreiras, Ces, Omega, CSI-F, CIG-Saúde, SAE, Satse e UGT convocaron para este xoves día 3 de marzo concentracións na área sanitaria de Pontevedra, do mesmo xeito que no resto de Galicia, contra a Oferta Pública de Emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Estas organizacións sociais esixen do Sergas "e do goberno do Partido Popular" unha negociación na mesa sectorial que permita unha convocatoria dunha OPE "para todas as categorías co cento por cento das prazas vacantes desde o ano 2009".
Ademais queren negociar unha orde de vínculos que obrigue ao Sergas para contratar pola causa que motiva a contratación.
Nun comunicado conxunto no que animan a mobilizarse a todo o persoal sanitario, estas organizacións sociais aseguran que non van desistir ata conseguir "emprego digno" no Sergas. "O diñeiro público é para dar servizos públicos de calidade", e engaden que "isto non se consegue se non hai persoal para prestalos".
Finalmente sinalan que a eliminación dos postos de traballo "é a ferramenta que utiliza o Sergas para facilitar a privatización".
Estas concentracións serán o anticipo dunha manifestación convocada para o día 10 de marzo en Santiago de Compostela.
818 PRAZAS
O Sergas convocou para este ano unha oferta de emprego público de 818 prazas, das que a maioría, 351, serán para licenciados sanitarios; 144 serán para diplomados sanitarios e de FP e outras 323 para persoal de xestión e servizos.
Os sindicatos cifran nunhas 3.000 as prazas que farían falta para acabar coa precariedade de profesionais.