O exceso de velocidade segue sendo a materia pendente dos condutores en Sanxenxo
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo contempla un repunte nas denuncias de tráfico con respecto a exercicios anteriores. Fronte ás 1.963 de 2014, en 2015 rexistráronse 2.137, aínda así é unha cifra moi afastada das 3.988 denuncias interpostas polos axentes locais durante o ano 2010.
Este aumento das denuncias de tráfico durante o último ano ten que ver co repunte económico que influíu en que Sanxenxo rexistrase mellores cifras en canto a ocupación hostaleira e número de visitantes.
Das 2.317 denuncias tramitadas, 1.947 foron cualificadas polos axentes como graves ao tratarse de cuestións relativas ao exceso de velocidade, paradas ou estacionamentos que obstaculizaron o tráfico. Tan só 87 estiveron tipificadas como moi graves, por exemplo, conducir baixo os efectos do alcol. "O 87% das denuncias non levaron perda de puntos", subliñou a concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa.
Ademais só o 25% das infraccións cometidas ao longo do 2015 foron protagonizadas por veciños do municipio, mentres que o 33% son atribuídas a persoas empadroadas en concellos do resto da provincia e o 42% a cidadáns doutros lugares.
O estacionamento en zonas prohibidas, sobre as beirarrúas, pasos de peóns ou liñas amarelas, impedindo a visibilidade e provocando a obstaculización do tráfico constituíu o motivo principal das denuncias formalizadas o ano pasado, concretamente de 1.411. O exceso de velocidade foi a causa de 694 sancións e, en menor medida, outras condutas prohibidas como non obedecer a sinalización, conducir co teléfono móbil, sen cinto de seguridade, baixo os efectos do alcol ou sen o casco, no caso das motocicletas.
Os meses de maior actividade seguen sendo os que coinciden cun repunte no número de habitantes no municipio, especialmente en xullo con 627 denuncias e agosto con 708, fronte ás 5 de decembro.
"O exceso de velocidade segue sendo a materia pendente na que hai que continuar traballando para lograr unha maior sensibilización dos condutores", sinalou Vanessa Rodríguez.