Turismo de Sanxenxo convoca ás adegas locais para deseñar un bono regalo con visita guiada
Por Redacción
Turismo de Sanxenxo convocará esta semana unha reunión cos adegueiros locais para avanzar na comercialización do novo produto que a empresa pública quere lanzar esta tempada. O encontro será este xoves día 3 de marzo, ás 12 da mañá na Sala Nauta.
Ao redor dunha quincena de adegas están asentadas no municipio e Turismo de Sanxenxo quere crear con elas un produto específico que permita a turistas e veciños coñecer por dentro o funcionamento deste tipo de establecementos. E é que por unha banda busca dar a coñecer o potencial que Sanxenxo ten dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, á vez que este se converte nun produto turístico moi atractivo.
O concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, pretende deseñar conxuntamente cos empresarios deste sector un produto no que se incluirá unha visita guiada polas instalacións. A maiores, cada adega poderá ofrecer o seu propio pack, que nalgúns casos pode incluír unha degustación dos viños, un prezo especial na adquisición do viño que se produce ou calquera outra cuestión que os empresarios consideren.
E é que Turismo de Sanxenxo pretende deseñar uns bonos regalo de características similares ao de degustación, de forma que poidan ser adquiridos como agasallo específico en días sinalados. Turismo de Sanxenxo pretende así que veciños do municipio e da comarca, ademais dos visitantes deste destino turístico, aproveiten a oferta non só gastronómica existente como obsequio en datas sinaladas como o 19 de marzo "para a que ofertaremos un bono específico", explicou Jesús Sueiro.