Indemnizarán os veciños polos danos causados na explosión do túnel de Lérez
Por Oskar Viéitez
Os responsables municipais de Mobilidade e de Medio Rural, os concelleiros Luís Bará e Demetrio Gómez, realizaron unha visita ás obras do AVE acompañados de técnicos do Ministerio de Fomento. Este tipo de encontros mantéñense de forma periódica pero nesta ocasión existía un especial interese motivado polo incidente de Médico Ballina nunha explosión no túnel de Lérez.
Segundo explicaron os técnicos a proxección de rochas ao exterior do recinto da obra debeuse a un fallo nunha das lonas de protección. Normalmente cando se efectúa unha detonación, como medidas de seguridade córtase o tráfico na zona e avísase cun sinal acústico. Isto sucede cada dous días, en explosións que se programan ás 14:30 e ás 17:30 horas.
Ademais colócanse unhas lonas, unhas mallas elásticas, para conter ás pedras que saen proxectadas. O pasado luns unha destas lonas desprendeuse orixinando os desperfectos nas casas, e vehículos.
A empresa que acomete estes traballos dispón dun seguro que cubre este tipo de incidencias polo que o concelleiro Luís Bará remitiu aos afectados a que reclamen os danos sufridos.