Dá positivo por alcoholemia tras atropelar un home en Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño
Un home duns 60 anos resultou ferido esta pasada madrugada despois de ser atropelado na rúa Loureiro Crespo por un condutor que, posteriormente, deu positivo por alcoholemia.
Segundo informa a Policía Local de Pontevedra, o suceso produciuse sobre as doce da noite en Loureiro Crespo, á altura da rúa Rodríguez Seoane.
O peón cruzaba a estrada de forma correcta por un paso de peóns e foi arroiado por un turismo que o desprazou preto de once metros.
Ademais do forte impacto que o home recibiu do parabrisas do coche que lle atropelou, a vítima foi a parar sobre outro vehículo que viña en sentido contrario, batendo posteriormente contra a calzada.
A pesar do aparatoso accidente, o home foi trasladado por unha ambulancia do 061 ao Hospital Montecelo pero as súas feridas, ao parecer, non revisten gravidade.
O condutor, que non abandonou o lugar do accidente tras o sinistro, deu positivo por alcoholemia no control que lle realizaron os axentes da Policía Local de Pontevedra.
Nun principio, están a tramitarse dilixencias administrativas contra el, xa que ao non superar a taxa de 0.65 non incorreu en delito. Aínda que, sinalan fontes policiais, isto podería cambiar en función do atestado policial se se demostra que a influencia de bebidas alcohólicas é a responsable do accidente.