Tensa normalidade na clínica de Vitaldent de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A clínica de Vitaldent da rúa Sagasta en Pontevedra segue aberta ao público, aínda que a noticia da detención da cúpula da marca este martes xerou certa tensión entre os traballadores que trataron que seguir coa súa rutina diaria con normalidade.
A Unidade contra a Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional (UDEF) xustificou as detencións á cúpula da mercantil Vitaldent (máis de 350 clínicas dentais por toda España), por presuntos delitos de branqueo e contra a facenda pública, tras unhas longas investigacións levadas estes últimos anos contra Ernesto Colman, dono de Vitaldent, por varias denuncias interpostas por algúns franquiciados.
Aínda que desde a central de Madrid insisten en trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás franquías, entre os traballadores reina a incerteza xa que todas as informacións que manexan chegan a través dos medios de comunicación, polo que a información que están a reclamar algúns clientes resulta, polo momento, insuficiente.
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) recomendou aos clientes das clínicas Vitaldent que reúnan toda a documentación da que dispoñan de tratamentos ou recibos de pagos por se fose necesario en caso dunha posible demanda.
Igualmente a Asociación de Xeneral de Consumidores (Asgeco) sinalou que os feitos supostamente delituosos que xustifican estas detencións, a esixencia de pagos en metálico para a apertura de clínicas dentais, "non teñen que ver co funcionamento das franquías da marca".
Nestas condicións, afirman desde Asgeco nun comunicado, os consumidores deben ser moi conscientes de que non ten por que afectarlles estas detencións e que se lles deben realizar os seus tratamentos "nas mesmas condicións que pactaron, coa mesma calidade e prezo".