Sanxenxo incorpora os "Bonos adega degustación"
Por Redacción
Unha trintena de empresarios do sector da hostalería e a restauración participaron na reunión convocada polo concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, que comezou o encontro agradecendo o traballo dos empresarios a favor da calidade en Sanxenxo e acompañado por Rotilio Bermúdez, en representación do CETS.
O edil de Turismo analizou cos empresarios as liñas de actuación para os próximos meses e entre os acordos alcanzados cabe destacar unha nova convocatoria do Concurso de Tapas, cuxa valoración por parte dos empresarios é positiva, aínda que se introducirán importantes novidades que se irán analizando en próximos encontros. Tamén haberá nova convocatoria do Concurso de Cócteles.
Jesús Sueiro comunicou ao sector a posta en marcha dun novo produto, os "Bonos Adega Degustación", que incluirán tamén visitas guiadas, como un novo atractivo turístico que contribúa á dinamización do sector.
O edil informoulles tamén da intención da Concellería de Turismo de impulsar o produto "Menús Degustación", para o que se poñerá en marcha unha nova páxina web na que os establecementos que o desexen poderán promocionar e actualizar os menús deseñados para esta campaña. Para iso, Turismo distribuirá unhas fichas entre os diferentes establecementos para que faciliten á Concellería a información que desexen promocionar.
Tamén lle solicitou aos empresarios que comuniquen ao Concello as tempadas de apertura e peche dos establecementos a fin de que a Concellería poida ofrecer información fidedigna aos visitantes sobre os establecementos que permanecen abertos fóra da tempada alta.
Por último, Jesús Sueiro comprometeuse cos empresarios para facilitarlles información puntual sobre os eventos turístico-deportivos que se programen en Sanxenxo, para garantir a máxima coordinación entre o sector hostaleiro e a administración local.