Os mercadillos tamén sofren a crise
Por Oskar Viéitez
As persoas xitanas conforman un dos grupos máis desfavorecidos pola crise, segundo afirman desde a Fundación Secretariado Xitano.
Un dato define perfectamente o alcance desta situación: mentres a taxa de desemprego en España superou o 24%, entre a poboación xitana rolda o 40%, máis de 15 puntos por encima do da poboación xeral.
A situación económica afecta tamén ao funcionamento e a viabilidade do Secretariado Xitano, segundo explícanos Eva Vera, Directora territorial desta Fundación en Galicia "o principal problema que temos agora mesmo as entidades sociais é de liquidez", precisamente agora cando máis axuda se necesita.
Concello e Deputación manteñen con subvencións algúns programas, como o de apoio ao emprego e a formación, que cada ano aumentan en número de usuarios. Pero agora é necesario atender as necesidades máis básicas, comer, vestirse e ter aloxamento, "cada vez increméntanse as axudas de urxencia", sinala María José Obelleiro, Coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra.
Nin sequera os mercados ambulantes sálvanse da crise. O público acode á feira a pasear, pero sen diñeiro na carteira.
"Eles seguen acudindo aos mercadillos ambulantes pero cada vez menos porque hai menos vendas e o pouco que gañan non lles dá nin para cubrir os gastos da viaxe", explica María José "a gasolina sobe, os postos soben e eles non sacan unhas ganancias para poder vivir".
Isto leva a algúns ambulantes a non montar os seus postos aínda que teñan pagadas as taxas municipais.
Antes as baixas marxes comerciais cos que se traballa compensábanse cun volume de vendas que agora non se produce. A isto hai que sumar a dura competencia que supoñen os bazares chineses, cun xénero máis barato.
Ademais moitas das fábricas nacionais das que os ambulantes abastecíanse cos restos e existencias, agora pecharon.
"Hai menos vendas e o pouco que gañan non lles dá nin para cubrir os gastos da viaxe"
En Pontevedra a comunidade xitana suma máis de trescentas persoas, a gran maioría residen na urbanización de Monte Porreiro, "neste barrio a convivencia é moi boa e é un gran exemplo de integración", destacan as responsables do Secretariado Xitano.
Nin sequera aquel conflito xerado a raíz do traslado ao barrio de dúas familias de O Vao foi capaz de crebar estes lazos de convivencia. De modo que o tempo deu a razón aos veciños que sempre negaron un enfrontamento racista co colectivo xitano.