Mozos de catro centros de FP de Pontevedra farán prácticas laborais en Europa
Por Redacción
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, o IES Luis Seoane, o IES Montecelo e o IES Xunqueira I son catro dos 29 centros educativos de FP que solicitaron participar no proxecto Practicum Depo 2016, á nova convocatoria do programa Erasmus+ 2016.
Mediante esta actuación, a institución provincial solicitará 684.939 euros para que 116 alumnas e alumnos, maiores de 18 anos e titulados nun ciclo de grao medio, poidan realizar as súas prácticas durante seis meses en sete países da Unión Europea: Italia, Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Malta, Portugal e Finlandia.
Iniciarase o 1 de xuño de 2016 e estenderase durante 24 meses. Os participantes deberán regresar das súas mobilidades antes de que transcorran 12 meses desde a data oficial da obtención da súa titulación.
Os principais obxectivos que pretende impulsar a Deputación de Pontevedra a través do mesmo son o impulso da capacidade de xestión e organización dos centros, a internacionalización do alumnado e profesorado, mellorar as competencias lingüísticas e a comunicación de titulados e docentes, propiciar o contacto con empresas a nivel internacional e nacional, promover a inclusión do alumnado no mundo laboral, xerar mobilidade e promover o intercambio de profesionais entre os países do Unión Europea.
Ademais dos catro centros pontevedreses, tamén solicitaron participar no proxecto o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (A Illa de Arousa), o IES Ramón Cabanillas (Cambados), o IES Chan do Monte (Marín) ou o IES Vilalonga (Sanxenxo), entre outros.
Como novidade principal, este ano a Deputación de Pontevedra contempla a mobilidade de cinco profesores que realizarán un job shadowing en centros de formación semellantes ós centros integrados de formación profesional de Galicia, coa finalidade de aprender os métodos didácticos que se empregan en países como Irlanda, Malta, Italia, Alemaña e Finlandia.