Catro persoas feridas en Cambados tras caer un coche enriba doutro desde un paso elevado
Por Redacción
Catro novos resultaron feridos nun espectacular accidente de tráfico que tivo lugar esta madrugada na VG.4.3, a vía rápida entre Cambados e Vilagarcía.
O sinistro produciuse ao redor das seis da madrugada cando un Volkswagen Golf no que viaxaban tres das vítimas precipitouse desde un paso elevado, coñecido como a ponte de Corvillón, e caeu sobre unha furgoneta que circulaba pola vía rápida en dirección Vilagarcía.
O vehículo que caeu desde a ponte, segundo os servizos de emerxencia, voou uns oito metros antes de golpear ao outro.
A pesar do golpe, todos os feridos lograron saír polos seus propios medios dos coches nos que viaxaban.
Os tres novos que ían no turismo que se precipitou ao baleiro, todos eles de Vilagarcía e con idades comprendidas entre os 25 e os 27 anos, sufriron feridas de diversa consideración. Un deles tiña a perna dereita rota e outro un corte na cara á altura da cella dereita.
Pola súa banda, os servizos médicos tamén tiveron que atender ao condutor da furgoneta que recibiu o súbito impacto do Golf, un mozo de 21 anos veciño de Meaño que presentaba unha forte dor cervical.
Todos eles foron atendidos inicialmente por membros de Protección Civil de Cambados e trasladados posteriormente por dúas ambulancias do 061 a un centro hospitalario.
Efectivos do parque comarcal de Bombeiros encargáronse de retirar os danos provocados polo impacto dos dous coches e restablecer a seguridade na estrada.
Ademais de Protección Civil de Cambados, Bombeiros e o 061, ao lugar do sinistro trasladáronse tamén axentes da Policía Local de Cambados e a Garda Civil de Tráfico.