O PP describe a situación do Parque de Maquinaria como "o reflexo da parálise" da Deputación

Por Oskar Viéitez
O Partido Popular denunciou o estado de paralización absoluta que sofre o Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra, "que desde o mes de agosto, no que se retiraron as máquinas dos concellos, non se volveron a mover do sitio".
Ata as instalacións da Xunqueira desprazáronse este martes os deputados populares Ángel Moldes e Luís Aragunde, que describiron a situación do parque como "o reflexo da parálise que teñen a institución e toda a provincia con este goberno".
Acompañados polos traballadores e polo representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro, os deputados fixeron un percorrido por todas as instalacións e valoraron en máis de 5 millóns de euros toda a maquinaria que está parada, e que facían que o Parque de Maquinaria da Deputación fose un referente en Galicia.
Ademais, destacaron que a planta de aglomerado, da que saían 1.000 toneladas diarias, tamén está parada, así como os aproximadamente 40 traballadores do servizo.
Os populares denunciaron a "mala xestión do bipartito", que teñen en "total abandono" aos concellos mentres "todas as máquinas e o persoal están parados".
O deputado Luís Aragunde criticou que "os concellos se están endebedando, teñen que contratar empresas privadas para manter os viais municipais e provinciais cando a maquinaria e o persoal da Deputación están parados, sen funcións nin traballo, durante toda a mañá".
Pola súa banda, Jose Ramón Piñeiro, agradeceu o interese mostrado polo Partido Popular e criticou que o goberno provincial "está a facer unha política en contra dos intereses da cidadanía".
Segundo o portavoz de Comisións Obreiras "están a deixar morrer isto para logo sacar rendemento ás empresas privadas".
Parque de maquinaria
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Relacionadas:
-
O PP solicita un plan de actuacións para o Parque de Maquinaria
Por Redacción |
-
Os traballadores do Parque de Maquinaria esixen á Deputación garantías de continuidade deste servizo
Por Oskar Viéitez |
-
Anuncian mobilizacións contra o orzamento que acaba de aprobar a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras acusa á Deputación de "buscar o deterioro" dalgúns servizos para "xustificar a súa privatización"
Por Oskar Viéitez |
-
A imprenta provincial e o parque de maquinaria abandonarán os terreos da Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |