Modificación de concellerías en Bueu
Por Redacción
O goberno buenense e as súas respectivas concellarías incorporan algunhas modificacións nas delegacións das áreas xenéricas, que se recollen nun anuncio que foi subido este venres á web e ao taboleiro municipal. O goberno tivo que tomar esta decisión tras a renuncia do concelleiro do BNG, Antonio Rosales, e da incorporación de Inmaculada Concepción Rodríguez Días no seu lugar.
Así, a nova concelleira, que foi investida no pleno do pasado 21 de xaneiro, encargarase das delegacións especiais de Obradoiros Sociais, Voluntariado, e Mocidade e Infancia (promoción do emprego xuvenil, emancipación xuvenil e acceso á vivenda, plans de actuación municipal en materia de xuventude), áreas para as que é proposta pola súa profesión de mestra no CEIP A Pedra de Bueu.
Pola súa banda, o concelleiro da delegación especial de Medio Ambiente Urbano e Servizos, Fidel Castro, incrementará as súas ocupacións, pois volverá encargarse das áreas de cemiterio e alumeado público, tarefas que xa levaba na pasada lexislatura e que foran transferidas nesta a Antonio Rosales, o concelleiro que renunciou ao cargo por motivos profesionais.
Nesta lexislatura, Félix Juncal, alcalde de Bueu, dividiu as concellarías en cinco macroáreas, ou áreas xenéricas, dirixidas polos concelleiros que constitúen os cinco membros da Xunta de Goberno Local e que coordinan as diversas comisións informativas.
Así, a área de Urbanismo e Vivenda está dirixida por Martín Villanueva, a de Economía, Emprego e Benestar, por Silvia Carballo, a portavocía de Goberno e de Benestar Social, por Carlos Eirea; á fronte da área de Facenda Municipal e Modernización da Administración Local está José Inocente García Cuervo, e na de Medio Ambiente Urbano e Servizos, Manuel Otero. Dentro delas, hai delegacións especiais, dirixidas polo resto de concelleiros.
Con esta vertebración, o goberno "mellorará a súa eficacia e transversalidade", segundo dixo o alcalde Félix Juncal.