Piden cinco anos de prisión para un pontevedrés acusado de abusar da súa fillastra
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 4 a apertura do xuízo oral por un caso de abusos sexuais que procede do Xulgado de Instrución número un de Pontevedra. Xulgarase a un home acusado de abusar da súa fillastra. O fiscal pide cinco anos de prisión.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, desde o ano 2007, o acusado convive en Pontevedra coa súa esposa e coa filla desta, unha nena nada no ano 2003 froito dunha relación anterior.
O Ministerio Público explica que desde o comezo da convivencia o acusado mantiña con nena unha relación "similar á paterno filial pois a menor tratábao coma se fose o seu pai". Polo menos desde o verán do pasado ano 2014, o home, que se atopaba desempregado, permanecía no domicilio ao coidado dos fillos menores mentres a esposa acudía ao seu traballo.
Sen que sexa posible establecer datas concretas pero en todo caso, comprendidas entre o final do curso escolar e finais do mes de setembro dese ano, o acusado, segundo o escrito de acusación, cando se atopaba na casa a soas coa nena menor, que tiña entón once anos de idade e, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais", pedíalle que xogase con el valéndose da confianza que se derivaba daquela relación familiar e coa escusa de facerlle cóxegas, introducíalle a man por baixo da roupa interior e acariñáballe os xenitais.
Estes feitos repetíronse varias ocasións que non é posible determinar ao longo do mencionado período de tempo.
O fiscal, Jesús Calles Villamandos, considera que estes feitos constitúen un delito continuado de abusos sexuais sobre menores cualificado pola circunstancia de terse prevalido o acusado dunha relación de superioridade, polo que pide ao tribunal que lle impoña a pena de cinco anos de prisión.
Ademais, interésalle que se impoña ao acusado a medida de liberdade vixiada por un período de cinco anos, que se executaría con posterioridade ao cumprimento da pena privativa de liberdade e que consistiría no sometemento do acusado a control xudicial, a través do cumprimento dunha prohibición de desenvolver actividades ou traballos que implique contacto con menores de idade e someterse a programas de formación sexual.
Finalmente o fiscal solicita que se impoña ao acusado a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da presunta vítima, do seu domicilio ou lugar de estudo ou traballo, así como a de comunicarse con ela por calquera medio por un período de seis anos.
Como indemnización, pide que o acusado abone á menor a través do seu legal representante, a cantidade de 5.000 euros polo dano moral causado.