Detida unha parella polo roubo dun saxofón do interior dun vehículo
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional identificaron e detiveron unha muller de 27 anos de idade e un home de 43 anos, ambos con domicilio en Marín, e con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de roubo con forza no interior dun vehículo.
Segundo fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos sucederon o día 8 de xaneiro, cando presentaba denuncia nesas dependencias o propietario dun vehículo estacionado na rúa Iglesias Vilarelle da cidade, ao que lle fracturaran a lúa da fiestra dianteira.
O presunto autor do roubo con forza apoderouse de varios efectos, entre eles un saxofón da marca Yamaha co seu correspondente maletín valorado en 2.000 euros.
Durante a súa investigación, os axentes localizaron á persoa que vendera a un terceiro o saxofón e procederon á súa detención, aínda que na súa declaración alegou que ela só vendeu o instrumento musical a cambio de 20 euros pero que non o subtraera.
Os axentes continuaron coas pescudas e o día 26 os axentes detiveron ao presunto autor do roubo con forza.
Os policías fixeron entrega do saxofón ao seu lexítimo propietario que o recoñeceu sen ningunha dúbida.