Desarticulado en Pontevedra un activo punto negro de venda de haxix e éxtase, grazas ás queixas dos veciños
Por Redacción
A colaboración cidadá de novo resultou fundamental para que a Policía Nacional puidese desarticular en Pontevedra un activo punto negro de venda de haxix e éxtase.
A actuación foi denominada como Operación Cafetal, e nela detívose a un veciño de Pontevedra, acusado dun delito de tráfico de drogas por venda de haxix e éxtase (MDMA) a terceiras persoas que con gran habitualidad frecuentaban non só o domicilio do detido senón un solar próximo no que tamén se realizaban as transaccións de sustancias estupefacientes.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os feitos remóntanse ao mes de agosto do pasado ano 2015, cando a Policía Local tivo coñecemento por fontes veciñais de que desde un domicilio na cidade, podíase estar a vender droga polo miúdo. Eran numerosas as queixas que os veciños realizaban motivadas polas molestias que lles causaba o autor dos feitos, tanto no bloque no que vive como nas inmediacións do mesmo.
Moitos mozos acudían a este punto, tanto a comprar como a consumir sustancias estupefacientes, algúns deles menores de idade.
Por todo o anterior os axentes da Policía Local iniciaron as pescudas que desembocaron na incautación de tres vendas de pequenas cantidades de haxix, e outra de éxtase outros tantos compradores.
Así mesmo, os axentes municipais puideron determinar que o modus operandi que se utilizaba para a venda do estupefaciente consistía, tanto en vendas no propio domicilio ou no portal do mesmo, como contactando telefonicamente cos compradores e quedando entre eles nun escampado que fai as veces de aparcadoiro, situado ao final da rúa.
Con todos os datos solicitados, os axentes da Policía Local deron conta dos feitos á Policía Nacional, que a partir de entón fíxose cargo da investigación.
Os axentes da Policía Nacional o día 20 de xaneiro estableceron un dispositivo policial para localizar e deter ao autor dos feitos investigados.
Tras solicitar a autorización xudicial de entrada e rexistro e unha vez autorizada, os investigadores accederon ao domicilio e detiveron ao presunto autor dun delito contra a saúde pública.
Os axentes policiais interviñeron no domicilio pequenas cantidades de haxix, cocaína, e marihuana, así como útiles para a pesada e manipulación da mesma. Ademais os axentes descubriron unha instalación completa a modo de invernadoiro con sistema de iluminación, ventilación e extracción, para o cultivo de marihuana en interior.