Unha furgoneta envorca na vía rápida de Marín e queda apoiada sobre o gardarraíl co condutor dentro
Por Diego Torrado
Unha furgoneta de traballo protagonizou na mañá deste sábado un aparatoso accidente de tráfico no que, en principio, non houbo que lamentar feridos, pero si danos materiais. O vehículo quedou apoiado unicamente sobre o gardarraíl e con risco de caer por un desnivel duns cinco metros á via de servizo.
O sinistro produciuse sobre as 9.00 horas deste sábado na vía rápida VG4.4 que comunica Pontevedra e Bueu, á altura da paroquia de Pardavila, en Marín. Por motivos que se descoñecen, a furgoenta ía circulando, saíuse da vía e envorcou.
Segundo informaron os Bombeiros do Morrazo, o vehículo quedou apoiado sobre o lateral no gardarraíl e o seu condutor atrapado dentro. Non se moveu do interior da furgoneta ante o temor a que, ao saír, se desestabilizase e se precipitase polo desnivel, acabando na vía de servizo da vía rápida.
Á chegada dos bombeiros, estabilizaron a furgoneta e o condutor xa puido saír case polo seu propio pé, sen practicamente axuda. En principio, non presentaba feridas, aínda que si acudiron ao lugar efectivos sanitarios de Urxencias Médicas de Galicia 061. Tamén acudiu a Garda Civil de Tráfico.