El tentou estrangulala e ela apuñalouno, agora sentarán xuntos no banco dos acusados
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará a próxima semana unha parella de vigueses que está acusada de agredirse mutuamente.
A Fiscalía pide para eles penas que suman os 14 anos e 4 meses de cárcere.
No escrito de acusación difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Ministerio Fiscal apunta que na madrugada do 8 de xuño de 2007 produciuse unha discusión no domicilio que ambos compartían, na que o home J.L.A.F., arroxou ao chan, inmobilizou cos xeonllos nas costas e agarrou fortemente polo pescozo á muller, T.N.O.Q.
Ela logrou facerse cunha navalla e asestoulle sete puñaladas no pescozo, tórax, ombreiro e brazo esquerdos.
Dous días máis tarde, o Xulgado de Instrución 4 de Vigo prohibiu aos procesados que puidesen aproximarse o un ao outro a menos de 500 metros e comunicarse por ningún medio.
Con todo a muller enviou ao seu compañeiro no prazo de cinco meses 31 mensaxes de texto con expresións vejatorias.
Nese intervalo, el agrediuna en dúas ocasións ao coincidir con ela en senllas discotecas en Tui e Vigo.
A primeira vez agarrouna do pescozo e arroxouna contra unha parede, e a segunda, propinoulle un forte tirón do pelo que lle produciu lesións.
O fiscal pide para el 4 anos e 8 meses por tres delitos de lesións no ámbito da violencia de xénero; 1 por un delito continuado de quebrantamento de condena; e 2 anos e 6 meses por un delito de malos tratos físicos habituais.
En canto a ela, solicita 5 anos de cárcere por un delito de agresións con instrumento perigoso, e 1 por un delito continuado de quebrantamento de condena.
Adicionalmente, interesa senllas prohibicións de afastamento e indemnizacións mutuas polas lesións sufridas e as secuelas subseguintes.