No Campus de Pontevedra estudan 86 alumnos estranxeiros
Por Redacción
No campus de Pontevedra deuse a benvida a 37 novos alumnos, que se suman ao 29 que cursaron estudos na cidade do Lérez no primeiro cuatrimestre e aos 25 que permanecen no campus o curso completo.
En total son 86 alumnos que se dividen entre a Facultade de Belas Artes (30); Ciencias Sociais e da Comunicación (28); Fisioterapia (15); Ciencias da Educación e do Deporte (10) e Enxeñaría Forestal (2).
No conxunto da Universidade de Vigo chegaron este ano un total 110 estudantes procedentes do Brasil, que se converte así no principal lugar de orixe dos 528 alumnos estranxeiros de intercambio no curso 2012-2013.
Xunto a Brasil, Alemaña pega forte e, con máis de 70 estudantes matriculados, é xa o segundo país de referencia, mentres que Italia, que acostumaba ser a principal referencia, non chega este curso ao medio cento de estudantes.
A Universidade deulles este xoves a benvida a todos eles.
Os brasileiros Tales Mendes, Amanda Mello e Thaylise Przepiura son tres dos bolseiros que chegaron grazas ao programa Ciencia Sen Fronteiras, ao que se refiren como "unha oportunidade incrible" ou a chave que nos abriu a porta de Europa". Chegaron a Galicia hai xa uns meses e "a pesares do frío e da choiva" subliña Mello, "estamos moi contentos e moi satisfeitos coa nosa estancia aquí", aínda que, insiste, "nunca pensamos que chovese tanto".
Rematado xa o primeiro cuadrimestre, séntense xa con bagaxe suficiente para poder valorar o cambio que supuxo para eles mudar de país e mesmo de continente. "A nivel práctico, no que son o desenvolvemento das clases, atopamos moitas diferenzas", comenta Mendes, que indica que "no Brasil temos moitos máis exames dos que tivemos aquí", unha afirmación que completa a súa compañeira Thaylise Przepiura, que puntualiza que "aquí segue habendo docentes que basean a práctica totalidade da nota nun único exame final".