Sorprendidos roubando gasolina dun camión e co maleteiro do coche cargado de garrafas cheas
Por Natalia Puga
A Policia Local de Pontevedra pillou na madrugada do mércores ao xoves a dous mozos mentres subtraían gasolina dun camión en Monte Porreiro. Os supostos ladróns non só foron sorprendidos á beira do vehículo no que se cometeu o roubo, senón que as súas mans desprendían un forte cheiro a gasolina e tiñan manchas deste material.
Os feitos producíronse sobre as 00.20 horas deste xoves 24 de xaneiro na rúa Reino Unido de Monte Porreiro. Un dos mozos, de 20 anos, foi detido e trasladado á Comisaría da Policía Nacional. O segundo ten 15 anos, de modo que se alertó aos seus pais e, no seu caso, non foi detido, senón imputado e o ateigado remitiuse á Fiscalía de Menores.
Unha patrulla da Policía Local que estaba de servizo pola zona observou a dúas persoas novas agochadas na beirarrúa da marxe dereita da rúa, entre un camión e un turismo. Dado que presentaban unha actitude sospeitosa, os axentes apeáronse do vehículo policial con intención de identificarlles. Nese momento, unha destas persoas saíu correndo, sendo alcanzada aos poucos metros polos axentes.
Un vez que os dous mozos foron retidos, os axentes detectaron que un camión situado nas inmediaciones tiña un o depósito de gasolina aberto e coa pechadura da tapa forzada, de modo que se determinou a súa imputación como autores dun delito de roubo con forza.
Ademais, o turismo que estaba á beira do camión tiña o maleteiro entreaberto e sete garrafas no interior, seis cheas con 30 litros de gasolina e a outra cun cuarto da súa capacidade cargada. Ademais, entre o coche e o camión había outras dúas garrafas cheas e os dous mozos tiñan as mans manchadas de combustible e desprendendo un forte cheiro.
Os dous individuos, ambos veciños de Pontevedra, recoñeceron que estaban subtraendo gasolina do citado camión. Os axentes municipais fixeron unha batida pola zona para intentar localizar outros camións dos que puidesen subtraer tamén o combustible que tiñan no maleteiro, pero non localizaron ningún.