A cabalgata dos Reis Magos ábrese paso entre paraugas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miles de nenos seguiron a cabalgata dos Reis Magos durante a tarde deste xoves polas rúas de Pontevedra a pesar da choiva. O desfile partía ás 18.00 horas en punto da rúa Teixoeira e da avenida Eduardo Pondal. A esa mesma hora comezaban a caer as primeiras precipitacións, que practicamente acompañaron á comitiva durante todo o percorrido.
Nesta ocasión o traxecto era novo e as carrozas circularon en dirección á rúa Echegaray pasando por Uxío Novoneira, Cobián Areal, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.
As tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar nas que moitos paxes vestían chuvasqueiros realizaron o percorrido acompañados por diferentes grupos de animación con trasgos en monociclo, árbores froiteiras, pastores, camelos, cabalos, carboeiros, personaxes como Bob Esponja, o pato Donald ou algún dos protagonistas de Toy Story, anxos con ás de algodón, robots luminosos, os tres cerditos do conto, cabaliños de mar e polbos de plástico, figuras elaboradas con globos e a banda de música.
Melchor viaxaba no seu trono nunha carroza con figuras de Walt Disney como Bambi, Gaspar presentábase nunha carruaxe máis clásica con figuras que imitaban as cariátides da Acrópole de Atenas e Baltasar nun transporte no que se recreaba unha paisaxe selvático. Durante o traxecto repartíronse 2.000 quilos de caramelos.
Tras o percorrido, as súas Maxestades achegáronse escoltados pola policía local ata as escalinatas do convento de San Francisco onde realizaron a ofrenda no portal de Belén co tradicional ouro, incenso e mirra. Desde alí dirixíronse aos miles de nenos que se achegaron ata a contorna da praza da Ferrería e indicáronlles que eles seguen sen perder o seu desexo de ser nenos, para a continuación lembrar que tiveron que percorrer moitas rutas durante os últimos días para deixar os seus agasallos. Ademais mandaron un saúdo con agarimo e desexaron un "bo nadal" a todos os presente. Nese momento comezaba un novo chuvasco e Baltasar, riseiro, lembrou a todos que en Galicia a choiva é algo normal.
A continuación, abandonaron o portal de San Francisco para continuar, en colaboración cos paxes, coa repartición de agasallos durante esta noite máxica.