Calculan que cada pontevedrés gastará 75 euros de media nas rebaixas de xaneiro
Por Oskar Viéitez
A Federación de Comercio de Pontevedra estima en 6,2 millóns de euros o gasto que realizarán os veciños da cidade de Pontevedra nas rebaixas de inverno. Na comarca o gasto elévase ata os 7,8 millóns. No Salnés a estimación de gasto é de 5,6 millóns e en Caldas de 1,5.
Segundo a organización empresarial, o xoves, día 7 de xaneiro de 2016, comezan maioritariamente as rebaixas de inverno, aínda que algúns comercios adiantarán a campaña para sacar unha pequena vantaxe ás grandes firmas comerciais.
A federación que preside Antonio Reguera indica que a cidade do Lérez é na que máis aumenta a porcentaxe de gasto medio por persoa situándose en 75 euros por habitante. En toda a comarca ese investimento ascende a uns 63 euros, engaden.
Esta patronal provincial apunta que o comercio "recuperou preto do 18% que perdera nestes últimos anos coa crise". A provincia ten un censo de 12.150 comercios aos que hai que sumar os centros comerciais e hiper mercados.
Para esta campaña de rebaixas espérase que os descontos se sitúen entre un 50% e un 70%, chegando a segunda quincena de xaneiro ata un 80%.
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra recomenda ao consumidor que antes de comprar vexan o que compran, hai verdadeiras gangas nos establecementos comerciais, pero hai que saber buscar e non hai que deixarse levar polo impacto da publicidade dos primeiros días de rebaixas.