VIDEO.- Así foi a Operación Azúcar Amargo, o último golpe da Garda Civil ao narcotráfico en Galicia
Por Redacción
Nove detidos e a intervención de 27 quilos de heroína, 8 de cocaína, 46 de sustancias adulterantes, 8 armas de fogo e 330.000 euros en efectivo. Son as grandes cifras que deixa a operación Azúcar Amargo que desmantelou unha organización criminal internacional dedicada ao narcotráfico, principalmente de heroína e cocaína, e ao tráfico de armas entre Holanda, España e Portugal.
Así o sinalou este mércores a Garda Civil, tras pecharse o operativo policial conxunto coa Policía Xudiciaria de Portugal.
As investigacións iniciáronse a mediados do pasado ano cando especialistas da Garda Civil na loita contra o crime organizado detectaron que varias persoas, residentes en Galicia, estaban a dedicarse ao tráfico de armas e droga en colaboración con organizacións criminais asentadas no norte de Portugal.
Coa información facilitada polos investigadores á Policía Xudiciaria de Portugal, interviñéronse dúas armas longas de lume en Portugal cando ía materializarse a súa venda. Así mesmo detectáronse varios correos que introducían en España cocaína procedente de Sudamérica vía Portugal cuxo destinatario final era un dos investigados.
A seguinte intervención física foi o día de Noiteboa. A Policía Xudiciaria detivo no Porto a catro persoas, principais clientes dos investigados, incautándose de máis de 22 quilos de heroína e de 4 de cocaína en varios rexistros. Un dos detidos é un histórico narcotraficante portugués, Víctor Cardoso, coñecido como 'Víctor de Ouro', sobre o que as autoridades xudiciais dese país decretaron o seu ingreso en prisión.
Paralelamente, a Garda Civil detivo en Valencia a outras tres persoas, os dous supostos xefes da organización e a un dos subministradores, que se reuniran para realizar un pagamento. No vehículo no que circulaban, tras un minucioso rexistro, interviñéronse 200.000 euros ocultos nun dobre fondo.
Igualmente foron detidas outras dúas persoas na Coruña e realizáronse sete rexistros domiciliarios, seis na provincia de Pontevedra e un na da Coruña nos que se interviñeron outros 5 quilogramos de heroína, 3,5 de cocaína, 22 quilos de sustancias adulterantes, 6 armas de fogo curtas, material para a manipulación da droga e máis de 300.000 euros en efectivo, así como diferente documentación relacionada coa investigación.
No último ano terían distribuído máis de 100 quilos de heroína e realizado transaccións de efectivo que roldarían os 2 millóns de euros
MODUS OPERANDI
A heroína, segundo a Garda Civil, era transportada desde Holanda ata Galicia para posteriormente ser distribuída na comunidade galega e norte de Portugal. No último ano terían distribuído máis de 100 quilos de heroína e realizado transaccións de efectivo que roldarían os 2 millóns de euros.
Aos detidos impútanselles a súa presunta pertenza a grupo criminal, delito contra a saúde pública, tenencia ilícita de armas e falsidade documental. Un deles, ademais, utilizaba documentación de identidade falsa, posiblemente por estar vinculado con outros feitos delituosos que se están investigando. Catro destes detidos pasaron a disposición xudicial este martes en Pontevedra, que decretou o seu ingreso en prisión.
A operación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra e a Fiscalía antidroga da mesma provincia foi realizada polo Equipo Contra o Crime Organizado, (ECO), da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil con sede en Pontevedra, en colaboración coa Policía Xudiciaria do Porto (Portugal) e outras unidades da Garda Civil das zonas de intervención.