Xuntanza en Fiscalía para unificar controis de Tráfico
Por Anxo Lourido
Na Fiscalía de Pontevedra, representantes das Policías locais da provincia, da Garda Civil de Tráfico así como o Xefe provincial de Tráfico mantiveron unha reunión para unificar criterios sobre a actuación de dereitos de seguridade do tráfico en relación con aqueles feitos novos que van aparecendo aos que as forzas de seguridade deben dar resposta.
Na reunión tratouse principalmente o tratamento penal que hai que darlle a casos de imprudencia de garantes como os condutores de transporte público ou pais que non adoptan as medidas de prenvención e que provocan accidentes graves. O mesmo sucede co caso dos tacógrafos dixitais que se manipulan. Esta práctica, segundo explicou o xefe da Policía local de Pontevedra Daniel Macenlle, debe incluírse como un delito de falsidade relacionado coa explotación laboral por abuso sobre os empregados para que fagan máis horas das necesarias.
Estas reunións prodúcense de xeito anual entre o Fiscal de Seguridade vial e membros da policía xudicial en materias de tráfico para actuar de xeito homoxénea.
Destas forma, preténdese prestar máis atención e afinar os criterios de actuación nos casos que se deben proceder por vía penal en caso de reincidencia ou casos graves que poden provocar falecemento.
Macenlle apuntaba que en materia de tacógrafos se ofreceron novos puntos de vista para actuar. Ata agora eran consideradas infraccións administrativas e agora serán consideradas infraccións de tipo penal dende o punto de vista de delitos de falsidade xa que o tacógrafo é un documento público que non se pode alterar.
Tamén se acentuarán os controis na actuación dos centros psicotécnicos de recoñecemento de condutores ante posibles fraudes. O xefe da policía local afirma que "expídense este tipo de documentos como churros" e asegura que varias veces ao ano se encontran con condutores que teñen as condicións físicas deterioradas e que nos controis se lles retiran os carnés e trasládase o expediente a Tráfico que pide un informe a Sanidade para ver se esa persoa está en condicións de conducir. E desta forma contrólase a tramitación dos informes por parte dos Psicotécnicos.