O Nadal chega a Bueu cunha programación variada e chea de propostas para todas as idades
Por Redacción
Concertos, maxia, teatro, carreiras e xogos populares, ademais da visita dos Reis e do Apalpador, propias destas datas. Son as principais actividades, de todo tipo e para públicos variados, que preparou o Concello de Bueu para estas festas de Nadal.
Na rolda de prensa de presentación, Manuel Otero, concelleiro de deportes, e Xabier Framil, técnico de cultura, coincidiron na variedade das propostas, xa que hai moitas promovidas polo concello e outras polas diversas asociacións e colectivos. Algo que tamén se destaca neste amplo cartel é que as actividades organizadas polo Concello son todas gratuítas e buscan a flexibilidade de horarios.
Unha das actividades estrela e con continuidade entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro son os "Obradoiros e xogos polo Nadal" que irán destinados a rapaces de entre 3 e 12 anos, de 10 a 14 horas. Haberá un total de 20 prazas, podendo inscribirse a partir do 21 de decembro no servizo de Cultura do Concello.
O cartel de Nadal propiamente dito iniciarase este sábado 19 de decembro cun concerto a cargo da Banda de Música Artística de Bueu con entrada libre e destinado a recoller alimentos para Cáritas, en especial latas e conservas. O domingo na Casa Reitoral de Beluso terán un Belén vivinte a cargo da Asociación San Marcos de Beluso entre as 16.30 e as 20.30 horas, e ás 18 horas haberá un concerto dos rapaces guitarristas de Bueu no Centro Social.
O 21 pola tarde, a Aula de Música do Concello tamén ofrecerá o seu tradicional concerto. Ademais este sábado e domingo organízase a Campaña Solidaria de Nadal en colaboración con Argo Navis, o Club do Mar de Bueu, e o Ximnasio Cardio Sport, que desenvolverán diversas actividades gratuítas ás que se poderá asistir a cambio de alimentos non perecedoiros.
O martes 22 de decembro haberá un concerto para nenos a cargo de Os Piñeiriños, que presentan entre as 17.30 e as 18.15 horas un espectáculo poético e musical no que se poñen en escena os diferentes poemas recollidos no libro CD "Canta a lúa coas estrelas". E o mércores 23 haberá unha actividade medioambiental, coa visita e explicación didáctica sobre diversas especies de árbores que se atopan nos arredores, entre as 10.30 e as 13.30 horas; e a partir das 18 horas "A bruxa Maruxa" ofrecerá unha sesión de teatro no Centro Social.
O 24 é o día da visita do Apalpador a Bueu, que estará ás 12 na Praza Massó patrocinado pola Deputación para saudar aos pequenos da casa, mentres o 26 o Centro Social acolle un festival de panxoliñas ás 20 horas, e unha carreira de Nadal ás 17 horas con saída na Praza Massó, non competitiva e aberta a todas as idades, destinada á recollida de alimentos non perecedoiros.
O 27 haberá maxia a cargo do mago Paco no Centro Social ás 18 horas e o luns 28, cine de nadal con "Maimiño" en dous pases ás 16.30 e ás 18.30 horas. O martes todas as idades poderán participar das Xornadas de Xogo Tradicional na Praza Massó. Ademais haberá marionetas a cargo das "Tres raíñas magas" ás 18 horas no Centro Social con entrada libre ata completar aforo.
O mércores 30 está prevista unha nova sesión de cine coa "Canción do mar" no Centro Social en dous pases, ás 16.30 e ás 18.20 horas, cun custe de 2 euros para socios do Cineclub e 3,50 para os non socios.
A festa-sorteo de premios da gymkhana infantil “Mini- chefs do Morrazo” de FECIMO terá lugar o sábado 2 de xaneiro na Praza Massó ás 17 horas, aínda que en caso de chuvia se trasladará ao Centro Social. Ese mesmo día e á mesma hora terá lugar o II Torneo de Nadal de Xadrez na sala Domínguez Búa.
O domingo 3 de xaneiro é a quenda do gospel, do que haberá un concerto benéfico ás 18 horas no Centro Social para recoller alimentos non perecedoiros para a Axuda Municipal de Alimentos. E o luns 4 volve a cachiza cun torneo infantil de 11 a 13 horas na zona da Estacada, no que poderán participar nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. E ás 20 horas celebrarase o Festival de Nadal Retrouso de Cela.
Por último, o día 5 de xaneiro Bueu acollerá a recepción dos Reis Magos na Casa do Concello ás 12 horas, e ás 18 horas celebrarase a tan agardada Cabalgata dos Reis Magos polas rúas da vila, actividade na que colaboran as ANPAS dos centros de Cela, Virxe Milagrosa e A Pedra.