A prioridade peonil rexerá nas estradas provinciais
Por Redacción
"Por primeira vez na Deputación vai haber criterios claros sobre actuacións en estradas provinciais para saber a que aterse por parte dos Concellos". Son palabras do vicepresidente provincial, César Mosquera, na presentación do documento que se elaborou desde o departamento de Mobilidade para planificar as estratexias para seguir na mellora destes viarios.
O deputado nacionalista Uxío Benítez, pormenorizaba o decálogo de criterios que se vai a remitir aos concellos e que van rexer nas intervencións que se acometan nas 377 estradas de titularidade provincial, isto é en 1.770 quilómetros de vías.
O primeiro dos apartados do decálogo outorga prioridade aos peóns, logo aos ciclistas, o transporte público e finalmente o vehículo privado. De igual forma terán prioridade as actuacións nos tramos de concentración de accidentes. Tamén se van a aplicar medidas de acougado de tráfico para reducir a velocidade da circulación rodada. A entidade provincial vai potenciar a conservación do patrimonio viario e para iso prevé rozas e limpeza de beiravías, melloras do firme, a sinalización, o balizamento e a iluminación. Ademais contémplase un tratamento específico ás áreas de especial interese patrimonial, para poñelo en valor e integralo nas actuacións que se acometan.
Proxectos de modificación de trazado e de ampliación de plataforma faranse unicamente en estradas que teñan unha intensidade media diaria de máis de 3.000 vehículos; e cando non sexan posibles outras actuacións de menor impacto. Cando se acometan proxectos de reurbanización habilitarase un espazo peonil de seguridade contínuo, con beirarrúas de rasante contínuas e un longo mínimo de dous metros e medio. Estas actuacións de reurbanización serán financiadas ao 60% pola Deputación e o 40% polo concello correspondente. Ademais irá aparellada a transferencia de titularidade das estradas ás administracións locais.
Pola súa banda, cando se realicen obras de urbanización, o financiamento será dun 70% por parte da Deputación e o 30% dos concellos. Finalmente, determínase neste catálogo que o coidado e mantemento dos servizos urbanos corresponderá aos concellos e que a Deputación asumirá a conservación do firme, a sinalización tanto horizontal como vertical e a rede de pluviais.
Uxío Benítez apuntou que este documento "supón un cambio de criterio radical" que tamén levou cambios nas partidas e denominacións orzamentarias da entidade. Polo momento non se determinou onde e cando se iniciarán esas actuacións, xa que primeiro han de pechar esta planificación estratéxica.