Na Xustiza, ser dilixente ten o seu premio
Por Redacción
O maxistrado Juan Carlos Carballal Paradela, que durante sete meses deste ano exerceu como titular do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra ante a inactividade do seu xuíz titular -sancionado polo Consello Xeral do Poder Xudicial- recibiu este xoves unha felicitación expresa e ofical pola súa "extraordinaria dedicación e o seu excelente e eficaz traballo".
O titular do xulgado, Indalecio Conde González, foi suspendido de actividade durante un ano por cometer supostamente unha falta moi grave da Lei Orgánica do Poder Xudicial ao atrasarse de forma inxustificada na tramitación de procedementos xudiciais. Por mor desta situación, o xulgado tiña procedementos paralizados e pendentes de ditar sentenza ou auto e, debido a ese estado, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) concedeu a comisión de servizos a Carballal Paradela.
O maxistrado estivo á fronte do xulgado pontevedrés en comisión de servizos entre o 20 abril e o 20 de novembro. Á vista do traballo realizado nestes sete meses, a Comisión Permanente do CGPJ acordou na reunión celebrada este xoves felicitalo.
O esforzo e dedicación do maxistrado Juan Carlos Carballal Paradela durante o devandito período son cualificados pola Comisión Permanente como extraordinarios, cunha porcentaxe global de dedicación dun 258% nos dous xulgados nos nove primeiros meses do ano (un 324% durante o segundo e terceiro trimestre, período que cobre parcialmente a comisión de servizo), ditando o xulgado un total de 309 sentenzas fronte á media do partido xudicial de 180.
O Poder Xudicial destaca a antigüidade da pendencia dalgunhas das sentenzas, "cos graves prexuízos que o seu atraso estaba a causar ás partes, máxime se pensamos que a maior parte deles poderían ter segunda instancia e mesmo casación ante o Tribunal Supremo".
Indica o Consello que foi capaz "en tan curto período de tempo", de ditar todas as resolucións deixadas pendentes polo maxistrado titular do órgano. En total, o maxistrado ditou nos seis meses que permaneceu comisionado no xulgado 148 sentenzas e 50 autos, e ademais, ditou todas as que lle corresponderon no Xulgado de Primeira Instancia número 11 de Vigo, ao tratarse dunha comisión de servizos sen relevación de funcións. Desde hai unha semanas, Carballal Paradela atópase á fronte do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo. Destacou profesionalmente durante a súa etapa como xuiz en Cambados.
A Comisión Permanente agradeceu tamén a colaboración da letrada da Administración de Xustiza da Primeira Instancia número 3 de Pontevedra, Sandra Pérez López, así como dos funcionarios do devandito órgano xudicial, "o que permitiu dar unha resposta á difícil situación creada". Tamén menciona o Consello no seu acordo ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á Sala de Goberno, "pola súa decidida implicación na resolución do problema".