Deteñen en Sanxenxo ao ladrón do Códice Calixtino para cumprir a sentenza
Por Natalia Puga
O ex electricista da Catedral de Santiago e ladrón do Códice Calixtino do templo compostelán, José Manuel Fernández Castiñeiras, foi detido este xoves na súa casa de Sanxenxo para que cumpra a condena que lle foi imposta polo mediático roubo do ano 2011.
Fernández Castiñeiras foi condenado en marzo pola Sección Sexta da Audiencia da Coruña a dez anos de prisión e hai apenas uns días, a principios de decembro, o Tribunal Supremo modificou a súa condena e impúxolle nove anos por un delito continuado de roubo con forza nas cousas e outro de branqueo de capitais.
Arredor das 15.00 horas deste xoves, a Garda Civil presentouse no seu piso da zona da Revolta, en Noalla, cunha orde de detención ditada pola Audiencia da Coruña. El non se opuxo ao arresto e foi trasladado polos axentes ao cuartel de Sanxenxo para o seu posterior traslado ao centro penal da Lama, onde empezará a cumprir a súa sentenza.
Unha vez coñecida a detención, PontevedraViva púxose en contacto coa avogada de Fernández Castiñeiras, a arousana Carmen Ventoso, que manifestou que ao longo da súa experiencia profesional, "todos los clientes para los que se acordó su ingreso en prisión, como sobradamente conoce cualquier profesional que se dedique al mundo del penal, es una práctica penal habitual que se le da un mandamiento de ingreso en prisión y un plazo de x días, normalmente 15, para que pueda recoger sus enseres personales, solucionar sus cosas y preparar su ingreso"
Carmen Ventoso aclarou que o seu cliente "comunicó a la Audiencia de A Coruña su domicilio de Sanxenxo para efectos de notificación" e que, tras o xuízo, xa lle realizaron "un mínimo de cinco notificaciones por este procedimiento". El "siempre ha recogido las notificaciones" e "no existe riesgo de fuga", de modo que non entende a forma en que se produciu a súa detención.
"Tratando de ser imparcial, como todo en este procedimiento es especial, esto también", indicou a avogada, que asegura que"sin notificarle la sentencia, a día de hoy, la Guardia Civil se ha presentado en su casa y le ha dicho: 'acompáñanos para tu ingreso en prisión'". Segundo sostén "se saltaron todos los trámites", pois nin a Fernández Castiñeiras lle notificaron aínda a nova sentenza do Tribunal Supremo nin a ela, como avogada, lle chegou ningunha notificación co seu mandamento de ingreso en prisión.
Carmen Ventoso xa anuncia que recorrerá a sentenza ante o Tribunal Constitucional. Fernández Castiñeiras foi condenado por roubar o Códice e por levarse das instalacións relixiosas diñeiro e outros documentos durante anos e por blanquear a fortuna roubada. Foi condenado tamén a indemnizar á Catedral de Santiago con 2,4 millóns de euros e 30.106 dólares, o diñeiro que a Audiencia considera que subtraeu do templo.
Fernández Castiñeiras ten pendente de cumprir outra condena que lle impuxo o Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela o pasado mes de marzo. Deberá cumprir 190 anos de cadea e pagar unha multa de 410.400 euros por substraer durante anos as cartas dos seus veciños na localidade coruñesa de Ames. Por esta sentenza non estará en prisión máis de tres anos, pois o artigo 76 do Código Penal indica que o máximo de cumprimento efectivo da condena non poderá exceder o triple da pena maior.