Leira abaixo en Mourente
Por Redacción
Un turismo BMW ofreceu unha rechamante imaxe na mañá deste mércores na parroquia pontevedresa de Mourente. Tras verse implicado nun accidente na estrada N-541, saíuse da vía e acabou precipitándose cara a unha leira situada na marxe da calzada.
Todo ocorreu ao redor das 11.30 horas da mañá nunha zona na que adoita haber numerosos accidentes de tráfico, na contorna do bar La Campana, e é habitual que se sitúen controis da Garda Civil de Tráfico.
Por motivos que se descoñecen, chocou con outro turismo, quedou desprazado cara á beiravía xusto no punto no que terminaba o gardarrail. Non quedou aí, senón que seguiu un pequeno tramo por un desnivel ata parar xa nunha zona dedicada a unha leira agrícola.
No accidente viuse implicado un segundo vehículo e, en principio, ningún dos seus condutores resultou ferido nin foi necesario o traslado á zona de Urxencias Médicas de Galicia. Si foi avisada a Garda Civil, que desprazou ao lugar unha patrulla.