Universidades galegas e lusas tecen na Casa das Campás unha "rede de cooperación intelixente"
Por Redacción
A Casa das Campás acolleu este xoves o primeiro Encontro Internacional de Cooperación Universitaria SUG-Norte de Portugal, do que se agarda que naza "unha rede de cooperación intelixente para o desenvolvemento", segundo o desexo do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
O desenvolvemento de proxectos de investigación en países en vías de desenvolvemento, a transferencia do coñecemento e a cooperación con universidades de diferentes partes do mundo, a formación dos axentes que traballan neste eido ou o propio traballo de sensibilización e concienciación do alumnado son só algúns dos moitos ámbitos nos que as universidades poden contribuír á cooperación para o desenvolvemento.
Un labor no que, "cantos máis sumemos esforzos, máis efecto multiplicador van a ter as nosas accións", como lembrou o reitor na inauguración dun encontro que conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta e no que participan representantes das universidades de Porto, Minho ou Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto con membros de diferentes ONG, do Instituto Camões portugués ou dos politécnicos de Viana do Castelo e Bragança.