Máis de cen alcades e técnicos aplauden en Roma o modelo de mobilidade que a Deputación aplicará na provincia
Por Redacción
Máis de cen alcaldes, concelleiros e técnicos italianos, turcos e españois aplaudiron este luns en Roma o modelo urbano de Pontevedra que a Deputación de Pontevedra quere estender na provincia mantendo as personalidades de cada vila.
Os representantes italianos recoñeceron o traballo feito na cidade do Lérez e destacaron a valentía política e o traballo técnico realizados para aplicar melloras urbanísticas poñendo como referencia ás persoas e, sobre todo, aos nenos. Apuntaron, en calquera caso, que a día de hoxe, poder aplicar en Italia modelo de mobilidade que se utiliza en Pontevedra "é un soño".
Estas loubanzas tiveron lugar no congreso 'Autonomía é saúde. A autonomía de movemento dos nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e para a cidade' organizado polo investigador Francesco Tonucci, impulsor do proxecto internacional 'A cidade dos nenos' e celebrado no día de hoxe no Gonsiglio Nazionale de Ricerche.
Foron moitos os participantes que se interesaron en realizar viaxes a Pontevedra para coñecer in situ a cidade e as prácticas aplicadas. Así, nos vindeiros días concretaranse as datas para recibir expediciones de concellos turcos e das proximidades de Roma.
Na quenda de preguntas foron moitas as cuestións relativas ao proceso de transformación da cidade de Pontevedra. Preguntáronse aspectos relacionados co metrominuto e coa necesidade de aplicar dende a administración unha proposta coordinada para chegar a unha mobilidade global como a que a Deputación pretende aplicar na provincia.
Durante a intervención Mosquera explicou que é posible reconverter a cidade nun espazo de autonomía infantil cun cambio de prantexamento e un bo coñecemento da mobilidade urbana.
Por último, Mosquera destacou que paga a pena dedicar a enerxía necesaria para poñer en marcha o proceso do cambio e que, ademais, este é politicamente viable.
A seguinte parada do vicepresidente e do asesor provincial, Jesús Fole, será Barcelona, na 'XI Jornada Tècnica de Mobilitat'.