Cónclave de perruqueiros galegos en Pontevedra para dinamizar o sector
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Profesionais do salóns de peiteado e a estética de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo ou Ourense déronse cita este domingo no Teatro Principal de Pontevedra nun conclave co que, segundo díxose desde o escenario, pretendíase "presentar en público nuestra idea para dinamizar el sector". Esa idea non é outra que a de crear os Premios Imaxe Galicia, un galardón que se entregará anualmente e do que esta fin de semana presentáronse os primeiros detalles.
A idea é "crear premios con nuestra propia identidad", a dos máis de 3.000 negocios e 10.000 traballadores do sector en Galicia, e dar visibilidade ao traballo dos profesionais da barbería e a estética. Premiarán, entre outras categorías, as mellores coleccións feminina e masculina, o mellor profesional do ano, o mellor profesional de menos de 25 anos, a mellor maquillaxe ou a mellor pasarela, así como a traxectoria dunha persoa recoñecida no sector e dunha institución ou empresa.
A presentación dos premios realizouse ante unha ampla representación do sector que acudiu á Gala-Atelier de Amparo Fernández organizada pola Asociación de Barberías de Pontevedra, na que a prestixiosa perruqueira-estilista galega de renome internacional impartiu un taller no que desvelou os seus segredos e técnica para a creación das coleccións de moda.
Ante máis de 250 profesionais de toda Galicia, a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, remarcou o perfil reivindicativo dun sector tan castigado pola crise, que tivo que afrontar unha "suba do IVE inxusta" e, a pesar de todo, revelouse como unha profesión de sobreviventes ao que o Concello da capital dá o seu "apoio incondicional". "Se vós seguides traballando, Pontevedra seguirá sendo unha cidade de moda", concluíu entre un efusivo aplauso dos asistentes.
A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, tampouco quixo faltar a unha cita con "unha grande profesión" como a dos salóns de peiteado, que ela cre que "temos que impulsar" pola súa importancia en canto á xeración de emprego e que tivo que enfrontarse a unha redución de clientes polo impacto da crise e a "custos moitas veces inasumibles" como a subida do IVE.