Traballadores do Diario de Arousa convocan unha folga indefinida dende o xoves
Por Redacción
Os traballadores do xornal Diario de Arousa convocan a partir do vindeiro xoves 26 de novembro unha folga indefinida a raíz dos últimos despedimentos na empresa e da situación laboral na que se atopan, despois de dous expedientes de regulación de emprego (ERE) e reiterados retrasos no pagamento das nóminas.
Segundo informaron os propios traballadores, para o venres 27 de novembro tamén teñen organizada unha concentración ás 20.30 horas na praza de Galicia de Vilagarcía, o mesmo lugar onde se organizaron as outras protestas organizadas no último ano. Esta é, ademais, a terceira folga no xornal este ano, despois dos paros de xaneiro e agosto.
Diario de Arousa, que pertence ao grupo Editorial La Capital, despediu nos últimos días a dous traballadores dos departamentos de Administración e Fotografía. Trátase dunha medida que, segundo os traballadores, "merma aínda máis a capacidade" da plantilla.
Os despedimentos afectan a un dos departamentos básicos dun xornal, o de Fotografía, pois Diario de Arousa queda agora con unha soa persona nesta sección e, por conseguinte, sen fotógrafos na plantilla cando este único traballador estea de vacacións ou nos seus correspondentes días libres.
Ademais, os traballadores inciden en que o despedimento do fotógrafo dos últimos días non se deben a causas económicas, senón que é unha "represión laboral pola nosa loita" ao tratarse do departamento máis mermado do periódico e dos máis imprescindibles, como, na súa opinión, "demostra o feito de que esta plaza se está cubrindo con xente sen formación e doutros departamentos".
Estes dous despedimentos súmanse aos de catro traballadores que no último ano chegaron a un acordo coa empresa, pero tamén aos tres que executou Editorial La Capital no ano 2010 coa centralización dos departamentos de Infografía e Arquivo na súa sede da Coruña.
Ante todos estes movementos, os traballadores interpretan que as intencións de La Capital son desmantelar Diario de Arousa e, polo tanto, deixar ás comarcas de O Salnés, O Barbanza e Ulla-Umia sen unha cabeceira propia. Dende o colectivo de traballadores cren que este peche suporía un ataque directo á pluralidade informativa e tería pésimas consecuencias non para eles como empregados do medio, senón para o conxunto da sociedade e dos seus representantes, que verían como se apaga a súa voz.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Diario de Arousa protagonizan unha nova folga e non informarán sobre a xornada electoral
Por Redacción |
-
Os traballadores piden o apoio das institucións contra o "desmantelamento" de Diario de Arousa
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa afrontan dous días de folga contra despedimentos e impagos
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa van á folga e piden apoio social nunha concentración na rúa
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa irán á folga o 23 de xaneiro
Por Redacción |