A Garda Civil detén a unha parella de mozos cambadeses por vender estupefacientes
Por Redacción
A Garda Civil detivo a J.R.R., de 26 anos de idade e á súa parella sentimental J.F.D., de 18, ambos os veciños de Cambados, como supostos autores dun delito contra a saúde pública, venda de estupefacientes a pequena escala.
As investigacións que efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Cambados viñan realizando para a erradicación dun suposto punto de venda de estupefacientes nesta localidade, deron resultado positivo o pasado día 18 coa realización destas detencións.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, tamén se levou a cabo un rexistro domiciliario coa anuencia da Autoridade Xudicial, onde se procedeu á aprehensión de 3 plantas de marihuana, 231 gramos de cogollo de marihuana, 9 de cocaína, 53 de sustancia de corte, 2,15 de haxix, un paquete de bolsas plásticas con peche hermético, 3 balanzas de precisión, unha lámpada de calor de 400W, 2 pantallas reflectoras, 2 ventiladores e un temporizador eléctrico.
Os detidos, foron postos, xunto coas dilixencias instruídas, a disposición do Xulgado de Instrución número un de Cambados quedando en liberdade con cargos.