Costas comprométese a arranxar o paseo marítimo e os desaugues do Preguntoiro
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, obtivo este venres en Madrid o compromiso da Dirección Xeral de Costas de buscar unha solución inmediata ao problema dos desaugues de pluviais á praia do Preguntoiro e, igualmente, de habilitar unha partida para o arranxo xeral do solado do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril.
O rexedor saíu con "boas sensacións" da entrevista que mantivo co subdirector xeral e responsable de proxectos, Ángel Muñoz, a quen lle levou un informe gráfico sobre o estado actual do paseo e a intención do goberno municipal non só de substituír o solado, senón tamén de habilitar un carril-bici que permita chegar dende Vilagarcía a Carril.
Habería que esperar a principios do ano que vén para abordar o asunto en profundidade; primeiro, porque a estas alturas de ano as partidas orzamentarias están practicamente esgotadas; e segundo, porque estamos a final do mandato do actual goberno e polo tanto convén esperar a que constitúa o novo.
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE CORTEGADA
Por outra banda, Alberto Varela e Ángel Muñoz abordaron outro proxecto municipal a medio prazo: a construción dun centro de interpretación da illa de Cortegada.
Como queira que, necesariamente, ese centro deberá estar na liña litoral, o alcalde expuxo ao subdirector xeral de Costas algunha das posibilidades, que aquel valorou moi positivamente. A intención do goberno local é involucrar neste proxecto tanto a Costas como a Parques Nacionales e dende logo a outras administracións que poidan colaborar orzamentariamente no proxecto.