"Querido Mariano Rajoy, que no estás escuchándonos"
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular elixiu a Ponte dos Tirantes de Pontevedra como marco para a presentación da candidatura coa que concorren ao Congreso e ao Senado. Máis concretamente o pousado oficial fíxose na zona axardinada da antiga fábrica de Tafisa.
A hora elixida foi as 16:30 horas, "por aquilo da luz solar", explicaron os organizadores.
A ocasión requiría puntualidade polo que, fronte á tónica habitual, os protagonistas chegaron a tempo. Mesmo Rafael Louzán, a quen lle sobrou un minuto de reloxo.
O penúltimo en chegar foi o presidente da Xunta, que repartiu bicos e golpes nas costas por todas as partes mentres os seus compañeiros facían corredor nun particular "bicamáns" no que un asesor ía apuntando a Núñez Feijóo, quen era cada un.
"Vamos ya, que se nos marcha el sol", gritou Ana Pastor, á que ninguén viu chegar no medio do entretido saúdo do titular do Executivo galego.
Dispostos en dúas filas, os candidatos repartíronse entre a tarima e a herba. Mentres os técnicos do partido indicábanlles "máis á dereita, tedes que estar máis á dereita".
Lucindo o mellor sorriso, recentemente saídos da barbería e coa roupa pasada o ferro, a candidatura popular pousou para o póster.
E feitas as fotos, chegaron os discursos coa herdanza recibida, España rompe, a recuperación económica, Zapatero, a chegada do AVE, o fanatismo yihadista, o paro e a crise.
Todo tan previsible que soaba ao mesmo discurso xa oido en centos de ocasións, incluso a ministra, lanzada nos seus saúdos aos seus "queridos" compañeiros de candidatura, ao "querido" presidente da Xunta, ao "querido" presidente provincial do PP, engadiu "querido Mariano Rajoy, que no estás escuchándonos"