A presenza dun animal na estrada provoca un accidente con dous feridos en Vilanova
Por Redacción
Dúas persoas tiveron que ser evacuadas polos servizos sanitarios de urxencia tras sufrir un accidente de circulación durante a madrugada deste xoves en Vilanova de Arousa.
Segundo relataron os implicados, a causa do accidente foi a interrupción na estrada dun animal, que lles fixo perder o control do coche provocando a súa colisión contra unha árbore.
O suceso produciuse ao redor da 1:00 da madrugada na estrada que une Baión co Hospital do Salnés, segundo informa Protección Civil de Vilagarcía.
Pola súa banda, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia sinala que os dous feridos foron trasladados ao centro médico de referencia con prognóstico leve.
Cando os medios de emerxencia chegaron ao lugar do accidente, os ocupantes do coche estaban "liberados e accesibles" pese ao impacto, segundo explica o 112.
Acudiron ao lugar do accidente efectivos de 061, Protección Civil e Garda Civil.