Os químicos apelan ás administracións para apoiar a transferencia do I+D ás empresas galegas
Por Redacción
Químicos de toda España reunidos estes días en Pontevedra con motivo do XXI Encontro Galego-Portugués de Química fixeron un chamamento para que o Goberno estatal e a Xunta de Galicia poña os medios e mecanismos necesarios para animar ás empresas para potenciar a transferencia de investigación desde as universidades cara ao tecido produtivo.
O decano do Consello Xeral de Colexios de Químicos de España, Antonio Zapardiel, inaugurou o encontro, que se celebrará no Pazo da Cultura ata o venres 20 de novembro, solicitando que as comunidades autónomas, e concretamente a Xunta de Galicia, "teñen que orientar e favorecer a través de beneficios e obrigacións ao sector privado para potenciar esa transferencia", porque "Galicia non se fai grande se prescinde dos seus investigadores e os seus profesionais máis capacitados".
Antonio Zapardiel lamentou a fuga de talentos que se está dando na actualidade, pois, ao seu xuízo, "estamos a desaproveitar a capacidade dos nosos mozos formados nas nosas universidades e que teñen que buscar saída no exterior".
O XXI Encontro Galego-Portugués de Química organízano o Colexio Oficial de Químicos de Galicia (COLQUIGA), a Asociación de Químicos de Galicia e a Sociedade Portuguesa de Química (SPQ). O decano do colexio, Antonio Macho, aproveitou a súa presentación para "reivindicar a presenza activa dos químicos e da profesión química no día a día da comunidade galega".
Macho insistiu en que a cita servirá para "coñecer os novos avances e as últimas investigacións da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal" e "enriqueceranos e enriquecerá á nosa contorna" mentres que o deputado provincial Javier Deus destacou a relevancia da química no desenvolvemento económico de Galicia.
A investigadora galega Áurea Andrade-Eiroa, do Institut de Combustion, Aérothermique, Réactivité et Environnement (Icare) do CNRS francés, pronunciou en Pontevedra a conferencia inaugural e lembrou que os biocombustibles xeran máis efectos daniños dos previstos, como os seus efectos sobre o quecemento global e o cambio climático e a "emisión de compostos cancerígenos que se emiten en concentracións máis altas que cando se queiman combustibles convencionais". Fronte a eles, apostou polas enerxías renovables como alternativa.