Ponte Caldelas acondiciona as súas rutas de sendeirismo
Por Redacción
A brigada municipal de limpeza, co reforzo de operarios contratados a través do plan provincial de emprego, traballan estes días en mellorar o estado das rutas de sendeirismo do municipio.
No que vai de mes, a brigada procedeu á roza do Camiño dos Arrieiros desde Forzáns ata A Reigosa, e ademais estase actuando no carreiro da Valgada de San Vicente ao seu paso polos montes de Paradela e Gradín.
A intención do goberno local pasa por, unha vez mellorado o estado dos camiños, proceder á súa sinalización para que poidan ser utilizados por uns maior números de sendeiristas e atraer así a un maior número de visitantes a Ponte Caldelas en calquera época do ano.
SENDEIRO AZUL
Nesta liña o alcalde, Andrés Díaz, confirmou que está a realizar xestións con ADEAC, o organismo que concede as bandeiras azuis de calidade ambiental, para conseguir a catalogación de sendeiro azul para o camiño que une a praia fluvial da Calzada coa ruta das Alimiñas e dos Pasos da Fraga, polo bordo do río Verdugo.