O ámbito do colexio de Dorrón, máis seguro: sen incidentes ao entrar en funcionamento o novo acceso
Por Redacción
Con total normalidade entrou en funcionamento o novo acceso ao colexio de Magaláns, en Dorrón. Trátase dunha actuación impulsada polo Concello de Sanxenxo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para crear unha entrada lateral para os escolares e reordenar todo o espazo exterior, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en todo este ámbito.
A ausencia de incidentes foi a tónica tanto á entrada como á saída dos escolares, que contou coa presenza de dous axentes da Policía Local, que ademais de comprobar as dificultades que puidesen ter os autobuses á hora de manobrar para deixar aos nenos tamén realizaron un labor informativo cos adultos que se achegaron ao centro escolar, indicándolles cales son agora as zonas habilitadas para o estacionamento dos vehículos.
O principal cambio nesta contorna radica no acceso ao centro escolar, ao que antes os alumnos entraban camiñando desde o pavillón, dotándoo dunha porta lateral á que se chega desde unha chaira recentemente asfaltada e que reserva boa parte da súa superficie para as manobras dos autobuses e sinalizada en amarelo para disuadir aos vehículos particulares de estacionar.
Sandra Fernández Agraso, concelleira de Educación, indicou este xoves que a modificación responde a unha cuestión de seguridade, xa que o novo portalón reúne o ancho necesario para garantir a entrada dun camión de bombeiros ou unha ambulancia en caso de producirse unha emerxencia no centro escolar.
Ademais a medida corrixe tamén a inseguridade viaria á que estaban expostos os escolares, que accedían ou baixaban do ascenso no mesmo viario, dispoñendo agora dun espazo exclusivo para eles.
O goberno local atende así unha petición formulada desde hai xa algún tempo pola dirección do centro escolar e destaca sobre todo a achega de seguridade derivado de medida.