APDR pide ideas a cidadanía para frear a Lei de Costas
Por Oskar Viéitez
O vindeiro martes día 22 de xaneiro, ás 20:00 horas e na Galería Sargadelos sita na rúa Oliva, vai ter lugar unha asemblea da Asociación pola Defensa da Rïa de Pontevedra (APDR) que, según informa o seu presidente, Antón Masa "pola evidente trascendencia social do tema que se vai tratar, queremos abrir á participación de todas as persoas interesadas, con independencia da súa pertenza ou non á asociación".
En efecto, o tema único a tratar nesta asemblea é a polémica modificación da Lei de Costas, unha decisión do goberno do estado que vai ter importantes repercusións sobre a continuidade ou non de ENCE no seu actual emprazamento.
"Desde a APDR vemos con preocupación a posibilidade aberta polo executivo do PP de conceder a ENCE (e a outras empresas) unha prórroga de 75 anos da concesión administrativa en terreos de dominio público", apunta Masa, "vemos con preocupación o resultado da aplicación desta nova Lei, que levará -na práctica- á privatización absoluta do litoral galego e do resto das comunidades do estado español".
"Pode dar ao traste de forma definitiva coa protección das nosas rías"
Neste sentido, o colectivo ecologista entenden que a sociedade civil ten que "posicionarse para poder impedir esta nova desfeita ambiental, que pode dar ao traste de forma definitiva coa protección das nosas rías".
Por iso fan este chamamento a todas aquelas persoas que compartan con eles estas preocupacións para que asistan á asemblea, para compartir información sobre o tema e aportar as propostas que consideren "co obxectivo de tomar iniciativas quen de frear esta nova agresión, ben sexa pola vía da mobilización social, ben mediante accións xudiciais".