Cúmprense 13 anos da catástrofe do Prestige
Por Oskar Viéitez
O 13 de novembro de 2002, o petroleiro monocasco Prestige afundiuse fronte á Costa da Morte cargado con 77.000 toneladas de fuelóleo.
Aquel desastre afectou a 2.000 quilómetros de costa provocando unha das catástrofes ambientais máis grandes da historia da navegación.
A limpeza da vertedura e o selado do buque tiveron un custo polo que aínda non se viu nin un euro.
Cando se cumpren 13 anos deste negro episodio da historia de Galicia, a deputada pontevedresa do PSdeG, Patricia Vilán, presentou unha proposición de lei no Parlamento galego pola que demanda que a Fiscalía conte con competencias para requirir indemnizacións derivadas de catástrofes ambientais.
A aprobación da norma levaría a modificación da Lei de Enjuiciamiento Civil e da Lei de Responsabilidade Ambiental no sentido de dotar da competencia en materia de indemnizacións ao Ministerio Fiscal; e contribuiría a "axilizar" as solicitudes de compensación económica.
O portavoz do grupo parlamentario Popular, Pedro Puy, lembrou que o proceso xudicial pola catástrofe do Prestige aínda se atopa no Tribunal Supremo.
Respecto ao pago das indemnizacións polos danos causados polo chapapote, Puy sinalou que "ata onde eu sei" os afectados recibíronas ao pouco tempo de producirse a catástrofe ambiental e que agora quen ten que cobrar "é quen adiantou todas aquelas compensacións, que foi a propia Administración pública".