Instalarán balizas para sinalizar accesos a portos e polígonos de bateas
Por Oskar Viéitez
Portos de Galicia ten previsto instalar nos próximos dous anos 105 balizas para sinalizar as canles de acceso aos portos e aos polígonos de bateas da ría de Pontevedra, Arousa e as zonas da Ría de Baiona, Camariñas, Muros e Noia, Corme e Laxe, Ría de Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña e Vigo.
Segundo a Consellería do Mar, delas prevese colocar 53 na Ría de Vigo e outras 26 na Arousa. A titular dese departamento, Rosa Quintana, participou este luns na reunión de coordinación dos portos autonómicos e estatais que se celebrou na sede da Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra.
Tamén participaron, ademais do anfitrión, os presidentes das autoridades portuarias de Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, e Vigo, así como o de Portos de Galicia.
A Consellería do Mar previu investir 800.000 euros nesa instalación. A metade xa está consignada nos orzamentos da comunidade autónoma.
Esta iniciativa enmárcase nun proxecto de sinalización marítima que xorde das reunións mantidas entre Portos de Galicia e Portos do Estado e que contempla o balizamento das canles de acceso aos portos e dos vértices dos polígonos de bateas en aplicación da Lei de Portos do Estado, segundo indicaron.
ELIMINAR O EXCESO DE BALIZAMENTO
O obxectivo pasa por eliminar o exceso de balizamento existente e renovalo, colocando o número imprescindible de sinais. Así, as balizas que se prevén colocar clasificaranse en "imprescindibles, convenientes e secundarias", segundo o grao de necesidade.
Na reunión en Marín tamén se revisaron as taxas portuarias e fíxose un balance de actividade das autoridades portuarias.